Sunday 19 de May de 2024

A Xunta reitera o seu compromiso ca Administración de Xustiza cunha importante dotación orzamentaria nos últimos anos


Alfonso Rueda, clausurou hoxe a II edición das xornadas “Pensando en Justicia”, organizadas polo Colexio de Avogados da Coruña en colaboración coa Asociación Profesional de Maxistratura de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a importancia da dotación orzamentaria nos últimos anos para a Administración de Xustiza galega, que está a permitir a execución dun dos maiores investimentos en sedes xudiciais na nosa comunidade, coma a rehabilitación da antiga Fábrica de Tabacos que dotará á cidade da Coruña dun espazo de máis de 15.000 metros cadrados.

Alfonso Rueda, clausurou hoxe a segunda edición das xornadas “Pensando en Justicia”, organizadas polo Colexio de Avogados da Coruña en colaboración coa Asociación Profesional de Maxistratura de Galicia e a Universidade da Coruña, que reuniron a máis de 600 persoas de todos os organismos que conforman o sistema xudicial.

O máximo titular de Xustiza no goberno galego indicou na súa comparecencia que grazas a esta importante dotación orzamentaria, o Goberno galego puxo en marcha o ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais, cun investimento de case 100 millóns de euros en seis anos, dentro do que está o proxecto de rehabilitación da Fábrica de Tabacos na cidade coruñesa, que pretende deixar solventadas as necesidades de espazo nas sedes xudiciais na Coruña, cun incremento dun 70 por cento da superficie das unidade actuais e que albergará para a case 200 traballadores da administración da Xustiza.

Rueda lembrou os grandes avances que se teñen levado a cabo en materia xudicial na nosa comunidade nos últimos anos, e recordou que cando se puxo en marcha o primeiro Plan Senda, no ano 2010, só existían sistemas illados de videoconferencia nuns poucos xulgados galegos, e hoxe existe unha rede de videoconferencia centralizada que alcanza a 60 sedes xudiciais e a máis de 350 usuarios persoais. Ademais, menos dun 40 por cento dos equipos informáticos dos xulgados galegos tiñan unha antigüidade menor aos cinco anos e hoxe son case o 90 por cento.

O vicepresidente indicou que grazas ao sistema e-fidelius coa gravación das vistas, pasouse de equipos obsoletos en algunhas salas a unha cobertura do 100 por cen das salas de vistas co que permite a sinatura dixital e libera de traballo aos secretarios xudiciais. Foron renovados os seus equipos informáticos, implantouse as ultimas versións do programa Fortuny e puxéronse en marcha novos servizos coma a videoconferencia de sala en todas as fiscalías das cidades e a videoconferencia persoal para o 100 por cen dos fiscais.Grazas a este cambios cambiouse de xeito substancial o funcionamento dos xulgado galegos.

No acto de clausura participaron tamén o decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila, o decano da Facultade de Dereito da UDC, José Manuel Busto Lago, o presidente da Asociación Profesional da Maxistratura de Galicia, Ignacio Alfredo Picatoste Sueiras, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas.